sexta-feira, 17 de julho de 2009

Manifesto pola hegemonia social do galego

Un novo texto defendendo a lingua galega dos ataques á que está sendo sometida ven de ser publicado co nome de 'Manifesto pola hegemonia social do galego', e permite ser asinado en:
https://pglingua.org/noticias/informante/1038-manifesto-pola-hegemonia-social-do-galego


quinta-feira, 9 de julho de 2009

Ferramentas de deseño lingüístico

Tal como están as cousas últimamente, estas ferramentas parecen ser as empregadas polos que teñen responsabilidades para dirixir actualmente o deseño das políticas lingüísticas en Galicia. O peor que lle pode suceder a unha lingua e que alguen poida pensar que non serve para todo tipo de ámbitos, e que ten o dereito a non coñecela. É un ataque premeditado, unha agresión, unha auténtica puñalada no corazón da cultura galega. A imaxe é orixinal de Sito Muiños, que é capaz de debuxar calquera cousa que se lle ocurra ou que se lle pida.

segunda-feira, 6 de julho de 2009

A Lingua galega, patrimonio da humanidade

O manifesto "Galego.Patrimonio da Humanidade" está a ser promovido e ten o su propio espazo web para permitir apoios. Pódese ler e descargar en Galego. Patrimonio da humanidade. Unha iniciativa como esta, de apoio á lingua galega fronte aos ataques claros á que está sendo sometida, incluso polo propio executivo galego, merece todo o meu apoio, ainda que poida disentir con parte do texto. Nese sentido o que fixeron os diferentes gobernos da Xunta foi tratar de ir aplicando -con diferente fortuna- o que a Constitución e o Estatuto de autonomía contemplan como elementos característicos da identidade cultural galega: a normalización lingüística e a defensa do galego, entre outros temas. Seguramente non se fixo todo o que se debía, ou non se fixo patente esa necesidade de modelización dun sistema lingüístico de cultura que permitise a toda a sociedade galega verse reflexada nel sen necesidade de ter que recurrir ao castelán. Iso sería a auténtica normalización lingüística. O que está a facer este último goberno é ir en contra das razóns que a sociedade galega lle deu no seu momento á iniciativa de instituir un goberno galego. A identidade cultural galega vai unida inexorablemente ao uso, dignificación e promoción da lingua galega. Todo o que non se faga para protexer a unha lingua discriminada como a galega será algo que irá en contra dos principios teóricos que sustentan políticamente á Xunta de Galicia como entidade de goberno galego. A realidade é que os medios de comunicación en Galicia, durante todos estes anos de postfranquismo, foron implantando a sua capacidade de difusión, e agora prácticamente chegan a todos os rincóns. Os medios electrónicos como internet están seguindo o mesmo camiño de posibilidade real de acceso masivo. A cuestión é que, se anos atrás se analiza esta mesma situación poderáse ver que a diferencia é abismal. Os medios de comunicación, e polo tanto as referencias institucionais, culturais, educativas, a ilustración nunha palabra, non chegaron durante séculos a unha boa parte da sociedade galega, o mundo rural, que mantivo a lingua galega por utilidade, por necesidade de comunicación. Pero ao mesmo tempo no ámbito urbán foise establecendo e impoñendo, tamén durante séculos, unha cultura en castelán, educación en castelán, refinamento en castelán, medios de comunicación en castelán, de modo que a sociedade, para poder medrar na vida, viuse na necesidade de someterse á lingua imposta polo poder. Actualmente os medios de comunicación, que xa se sabe que son o espello onde a sociedade ve reflexado o seu modelo lingüístico, incluso máis que a literatura, non empregan o galego máis que en contadas excepcións, o que é tamén un índice do prestixio social que ten a lingua galega nos ámbitos sociais e económicos en Galicia. O asunto da lingua non é un tema exclusivamente cultural, algo litúrxico como ás veces algúns organismos ou algunhas empresas o ven. É un problema de educación frente á ignorancia. Aínda hoxe hai xente que, en entornos galegofalantes ou próximos a falantes en galego, evitan transmitir esta lingua galega aos seus fillos, pretendidamente cun criterio de calidade educativa. Ese é o gran problema: a diferencia de trato e de respecto que supón a consideración dunha ou doutra lingua, a diglosia. Pero é que todos nos informamos como podemos, ainda que non todos temos a mesma formación. E ademáis os medios de comunicación empregan a información como mercancía, en función dos seus intereses empresariais, polo que ás veces non teñen reparos en terxiversar, manipular ou mentir. Vai ser necesario algo máis que esta iniciativa do galego como patrimonio da humanidade, que suscribo. Sobre todo é necesario darlle á lingua galega a maior consideración que se merece, que é falala en todos os ámbitos, en todo tipo de situacións e con todo tipo de persoas. Con todo respecto.