sábado, 17 de maio de 2008

Poesía contra a ignorancia

Unha outra forma de homenaxear á lingua galega é a da iniciativa de Blogues pola lingua. Tomamos nota tamén, enviamos a nosa adhesión e reproducimos o poema de Celso Emilio Ferreiro "Deitado frente ó mar" , extraído do seu libro Longa noite de pedra.

DEITADO FRENTE Ó MAR

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

17 de maio. Día das letras galegas

Xosé Mª Álvarez Blázquez: unha vida, un ano, un día.

Unha celebración é un acto simbólico. Os xornais galegos publican algunhas páxinas en galego co gallo do día das letras. E probablemente é necesario algún xesto deste tipo para recordar de cando en vez que -independentemente do feito de que convivan varias linguas- a lingua maioritaria e propia deste país é o galego. Pero mellor é saber que as letras galegas teñen todos os días do ano para poder celebrar a práctica da sua existencia e a única razón de ser dunha lingua: a comunicación. Os medios de comunicación, poderes mediáticos, ámbitos culturais e certas institucións poderían xa ir deixando de considerar o asunto como algo folklórico, ritual anual, e decidirse dunha vez polo emprego habitual da lingua galega en todos os ámbitos de traballo, todos os días do ano. Se os medios, cuarto poder, continúan a empregar maioritariamente outra lingua distinta do galego como lingua de cultura, súa é a responsabilidade no mantemento de actitudes diglósicas. Os políticos coherentes terán que asumir o compromiso coa lingua e coa cidadanía, e actuar en consecuencia.



O Día das Letras galegas homenaxea este ano a Xosé Mª Alvarez Blázquez. Desde aquí facémonos eco do acontecemento, recollendo estas imaxes, textos e comentarios que A Nosa Terra ten publicado na rede.

Pola sua parte Vieiros publica un interesante especial sobre as Letras galegas, onde incluso pódese descargar de balde un exemplar facsímile de Poemas de ti e de min, primeiro libro de poemas de Xosé María Alvarez Blázquez, escrito nos anos trinta e publicado en 1949.